Monday 06 de May de 2024

O Mesón do Vento repartirá 2500 quilos de lacón con grelos


A XIX Festa do Lacón con Grelos desta fin de semana inclúe feiras agroecolóxicas, artesanía, carreiras de trotóns, cetrería, xogos tradicionais, probas caninas, disfraces, música, baile e degustacións
Ordes, 9 de marzo de 2017. Organizadores, veciños e veciñas do Mesón do Vento dan conta dos últimos detalles para que, en cuestión de horas, dé comezo unha das citas máis importantes do ano nesta localidade da parroquia de Ardemil. A XIX Festa do Lacón con Grelos congregará, sen ningunha dúbida, a milleiros de asistentes que como cada ano desfrutarán dun amplo e variado programa.
A cita arrancará este sábado, 11 de marzo, dende ben cedo na nave de gando cunha ampla mostra de gando e aves autóctonas. Cachenas, limusinas, porcos celtas ou galiñas de Mos serán algunhas das especies. Tamén terá lugar a I Feira Agroecolóxica, na que non faltarán productos artesáns e que se celebrará durante toda a fin de semana. Ademais hai que incluír a instalación dun área de xogos tradicionais tanto para adultos como para nenos e nenas. A nota musical e a cor virán da man do II Encontro folclórico (16 horas) e do concurso de disfraces (17 horas), no cal se repartirán máis de 1.100 € en premios entre os máis do 200 participantes inscritos nas distintas modalidades. As agrupacións de Sementes da Arte, Camiño Real de Poulo e a de Leira serán as encargadas de exaltar e divertir ao público asistente coas súas coreografías.
Xa o domingo, 12 e marzo, terá lugar a degustación de lacón con grelos. Bares e establecementos da zona repartirán aproximadamente uns 2.500 quilos deste prato a partir do mediodía. Ao longo de toda a xornada sucederanse as exposicións de cetrería e probas de andadura puntuables para o XX Campionato Galego (a partir das 11.30 horas) con case 2.000 € en premios. Novamente os amantes dos cans teñen unha cita coas probas de agility (12 horas), nas que se repartirán 250 € en premios. A festa e a diversión na sesión vermú estarán animadas por actuacións en directo para dar paso ás carreiras libres (17 horas) con 780 € en premios, seguidas das de burros (18 horas) con 160 €. Novamente a música en vivo porá o punto final a este día de festa.